Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aborda a cesión de...

SESIÓN PLENARIA

A corporación aborda a cesión de terreos para a construción da nova Galescola

Venres 27 de xuño do 2008

Trátase duns terreos de pouco máis de 2.500 metros cadrados obtidos trala cesión regulamentaria realizada pola empresa construtora Riotorto e o goberno local espera que os traballos poidan comezar este ano. A futura escola infantil contará con oito módulos, polo que terá capacidade para acoller arredor de cen nenos.

Por outra banda, a sesión tratará a aprobación da nova denominación de rúas en Carballo. Os nomes foron acordados por unanimidade de todos os grupos políticos e neles abundan as mencións a persoeiros da comarca, como os fotógrafos Ramón Caamaño ou Gervasio Varela; ou aos alcaldes Jacinto Amigo -que dará nome precisamente á rúa da Horta de Romay- e Gaspar Navaza. Existe, ademais, o compromiso de dedicar a Sor María Carracedo a futura rúa situada xunto ao colexio das Hijas de la Caridad (As Monxas), a congregación da que formou parte.

Así mesmo, segue habendo agrupacións de denominacións por afinidade temática. No entorno da estrada de Razo todas as rúas terán nomes de árbores, mentres que as da urbanización do polígono de Bértoa levarán nomes de cidades. A muller tamén terá un espazo, con oito novas rúas dedicadas a féminas no novo polígono urbano da estrada de Razo.

Entre os asuntos destacados, tamén hai que mencionar a aprobación dos anteproxectos para crear as redes de saneamento de Baldaio, Ardaña e Rus. Para obter máis información sobre este tema, premer aquí.

Compartir: