Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno aproba os anteproxectos para crear as...

SESIÓN PLENARIA

O goberno aproba os anteproxectos para crear as redes de saneamento de Baldaio, Ardaña e Rus

Martes 1 de xullo do 2008

Augas de Galicia -organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente- redactou esta proposta, que no caso de Baldaio ten un custo exacto de 2.800.068 euros e no de Rus e Ardaña de 2.774.068 euros. No primeiro dos anteproxectos, a canalización xeral unirá as localidades de Castrillón e Rebordelos e tamén haberá unha rede entre este último núcleo e a Pedra do Sal. Estas dúas canalizacións uniranse nun punto no que se instalará unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). En Rus e Ardaña haberá, así mesmo, outros dous ramais e unha estación depuradora.

A estas inversións hai que sumar os traballos de saneamento que se están efectuando en Razo, e que supoñen unha inversión de 1,2 millóns de euros. En total, ao longo deste mandato, están previstas actuacións en materia de depuración, saneamento e abastecemento de augas por un importe que ronda os dez millóns de euros.

Polo demais, o goberno sacou adiante a maioría dos asuntos incluídos na sesión plenaria, como a cesión de terreos para a creación dunha Galescola no entorno da estrada de Razo, a denominación de novas rúas no casco urbano carballés, ou a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que corrixe o ámbito de protección integral do Pazo de Villardefrancos.

Compartir: