OBRAS
O Concello emprende a limpeza dos 600 quilómetros de pistas asfaltadas do municipio
Xoves 3 de xullo do 2008
Os traballos iniciáronse simultaneamente nos dous extremos norte e sur do territorio: por unha banda por Noicela e Razo, na zona costeira; e pola outra por Rus e Aldemunde, no interior. Está previsto que o labor remate a finais do mes de setembro, despois de preto de tres meses de limpeza viaria. O custo destes traballos é de 250 euros por quilómetro, polo que a inversión prevista será duns 150.000 euros.
Con esta limpeza, emprendida dende a Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Lois Lamas, o goberno pretende mellorar a seguridade viaria mediante a mellora da visibilidade nas pistas, ademais de contribuír a conservar en mellor estado a rede de estradas municipal. Por outra banda, e dada a chegada do verán, o Concello espera que esta limpeza axude a crear cortalumes para favorecer a prevención dos incendios forestais.