Inicio Carballo ao día Hemeroteca Danza, música, maxia e teatro conforman a...

CULTURA

Danza, música, maxia e teatro conforman a programación do Verán Cultural 2008

Venres 4 de xullo do 2008

A oferta centrarase nos venres, que coparán boa parte da programación, coa maioría das actuacións na Praza do Concello co obxectivo de que as actividades sexan -sempre que o tempo o permita- ao aire libre. Entre elas, hai apostas xa consolidadas, como o III Festival Sereas e Piratas, "unha cita importante para os amantes do pop e o indie", en verbas de Lendoiro; ou a Praza dos Libros, a feira literaria que se celebra cada verán dende hai anos.

Pero tamén hai novas propostas, destacando a representación prevista para o próximo venres 11 de xullo, o ‘Kiosko das almas perdidas’ do Centro Coreográfico Galego, que desenvolverá moitas actividades paralelas con obradoiros para fomentar a danza e que conta coa colaboración de Mercedes Peón e a dirección de Roberto Oliván. Neste apartado tamén hai que mencionar a actuación de As Dríadas, que traen a fusión do hip-hop e a danza moderna, xa en agosto.

Hai que destacar, así mesmo, a presencia da música galega, con Rosa Cedrón e Cristina Pato, ou a chegada da música celta de man do grupo Brath. Belén Lendoiro tamén quixo subliñar a presencia de Nordestin@s, na que se unen as voces galegas de Ugía Pedreira (voz de Marful), e de Gaudi Galego (de Berroüeto). No apartado de formacións tradicionais, chegará O Fiadeiro. E no de maxia, para os maiores a oferta céntrase en Lipan and Company, e para os pequenos en Chrystyan Magic. Non faltará tampouco o xa habitual programa de Noites de Cine, con 27 proxeccións en todos os barrios e parroquias do municipio. Todos os mércores, a cita cos filmes será na Praza do Concello.

Por último, a Concellaría de Cultura quere agradecer a colaboración da Consellería de Cultura, de Caixa Galicia, Caixanova, a Deputación Provincial, a empresa Serviocio, a Concellaría de Xuventude e a Brigada de Obras de Carballo, así como das asociación culturais e de veciños do municipio que colaboran co programa.

Compartir: