BENESTAR
O Concello aproba as bases das subvencións para asociacións que desenvolvan accións no eido dos servizos sociais
Martes 8 de xullo do 2008
As asociacións deben ter o seu domicilio social en Carballo e estar ao corrente coas súas obrigas fiscais co Concello. As accións que desenvolvan poderán estar dirixidas á comunidade, á familia, á infancia e mocidade, a minusválidos, ao colectivo da terceira idade, á muller; ou estar tamén relacionadas coas drogodependencias e alcoholismo, con minorías étnicas, coa delincuencia e reinserción de ex internos ou con outras problemáticas de marxinación social.
A contía da subvención concedida dependerá do custo dos programas e dos recursos con que conte a entidade para cubrilos parcialmente. Por regra xeral, a subvención municipal non pasará do 50 por cento do orzamento total do proxecto ou actividade. Os Servizos Sociais valorarán as peticións tendo en conta a documentación achegada, as actividades para as que se solicita a subvención e a contribución do programa ou actividade á promoción dos colectivos priorizados polo Concello.
Nos criterios da concesión das axudas, o que máis pesará (ata nun 40 por cento) é a importancia e interese das actividades propostas no proxecto e a súa complementariedade coa programación desenvolvida polo Concello.