CAMPAMENTOS
Un total de 32 rapaces e rapazas de Carballo participan nos programas de lecer da Deputación
Martes 8 de xullo do 2008
Os Campamentos Deportivos realizaranse en varias quendas, sendo a correspondente para os rapaces carballeses -de entre 9 e 13 anos- a do 6 ao 12 de xullo, de domingo a sábado. A actividade inclúe transporte de ida e volta, estadía e manutención en residencia e todo o gasto que ocasionen as actividades programadas, que se centran en deportes coma o golf -que terá lugar nun campo profesional en Guitiriz-, a vela de cruceiro -no Club Náutico da Coruña- ou o tenis. Haberá, así mesmo, actividades culturais ou relacionadas co medio natural.
A viaxe á Expo Zaragoza desenvolverase na quenda do 15 ao 19 de xullo, e ten como obxectivo que os participantes teñan a oportunidade de coñecer os contidos desta importante exposición internacional e ao tempo percorrer itinerarios culturais, visitar museos, monumentos e outros centros de interese da cidade, como a ‘Basílica del Pilar’, a ‘Seo de San Salvador’ ou o ‘Palacio de la Aljafería’.
Por último, os Campus de Fútbol implican o adestramento nas instalacións deportivas de A Torre (A Coruña) e Acea de Ama (Culleredo), mentres que os rapaces estarán aloxados na residencia do IES Cruceiro Baleares (tamén en Culleredo). Os participantes de Carballo irán na quenda do 13 ao 19 de xullo e poderán practicar aspectos do xogo como a técnica, a táctica ou o adestramento de porteiros.
Os interesados en obter máis información sobre cada un destes programas poden consultar nas seguintes ligazóns:
Campamentos deportivos
Programa 'Vivir o mundo'
Campus de fútbol