VERÁN CULTURAL
Once bailaríns e bailarinas poñen en escea, coa música de Mercedes Peón, o espectáculo ‘Kiosco das almas perdidas’
Mércores 9 de xullo do 2008
Numerosos veciños e veciñas estiveron hoxe -9 de xullo- no Xardín Municipal para probar un aperitivo desta montaxe, incluída no programa do Verán Cultural e coa que o Centro Coreográfico Galego procura a captación de novos espectadores para a danza. A través da utilización de novas linguaxes escénicas, os bailaríns mesturan distintas disciplinas e conectan co público máis novo. A esta presentación acudiron Fernando Prieto, responsable provincial da Fundación Caixa Galicia, patrocinadora desta cita coa danza; Natalia Balseiro, coordinadora do Centro Coreográfico Galego; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
O traballo é unha reflexión sobre a vida e sobre a capacidade de resposta que o ser humano ten ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. ‘Kiosko das almas perdidas' está inspirado no mítico lugar do Berbés na cidade de Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter e que se atopan no abrente do día.
O Alcalde, Evencio Ferrero, resaltou o escenario do espectáculo, a Praza do Concello, como "o espazo máis democrático, onde desfrutan dende os máis novos ata os de máis idade" e onde se desenvolven "as máis diversas actividades". O rexedor convidou aos veciños a que asistan o venres e aproveiten esta oportunidade "magnífica" para ver ao Centro Coreográfico Galego.