SANIDADE E DEPORTE
Os veciños poderán comprobar a súa condición física e de saúde co programa Carballo Saudable
Xoves 10 de xullo do 2008
Para facelo, os interesados tan só teñen que concertar unha cita coa Unidade de Carballo Saudable do Concello (no teléfono 981 704 100; extensión 3027), ou a través da páxina web de Concellos Saudables. Os usuarios serán sometidos a varias probas moi sinxelas que determinarán a súa estatura e peso, o índice de masa corporal ou os perímetros de ombreiro, cintura e cadeira. Tamén realizarán unha serie de tests físicos que amosarán a o seu equilibrio, a flexibilidade dos seus membros ou a súa potencia de pernas.
O ximnasio do complexo deportivo Vila de Noia carballés será o que acolla os aparellos que permitirán a realización destas probas, que permanecerán alí ata final de ano. Os horarios de atención adaptaranse ás necesidades dos usuarios co sistema de cita previa. Os resultados deste proceso servirán para facer unha análise completa do estado físico e de saúde dos interesados, que recibirán un informe de Asesoramento en Actividade Física e Nutrición no que se axuntan, ademais, as indicacións que poden seguir para mellorar a súa condición.
Este novo servizo foi presentado nun acto que contou coa presencia do Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; e do coordinador da Unidade de Carballo Saudable, Manuel Varela Bardanca, que ademais será o responsable da realización das probas e recomendacións sobre o exercicio físico. Marcos Trigo subliñou durante a presentación a importancia que poden ter estas probas para determinar se o estado físico dunha persoa é saudable e para tomar medidas que repercutan na mellora da calidade de vida dos veciños.