Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo aposta pola defensa do monte galego a...

VICEPRESIDENCIA

Carballo aposta pola defensa do monte galego a través do voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude

Venres 11 de xullo do 2008

Este novo servizo foi presentado hoxe -11 de xullo- pola Delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Tareixa Novo; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo; e as persoas responsables da coordinación do programa en Carballo. A iniciativa céntrase non só na detección de lumes, senón no coidado xeral do monte, coa organización de roteiros ou a detección e denuncia de vertedoiros incontrolados. Dende a posta en marcha do servizo, no mes de abril, un total de 200 persoas xa se teñen incorporado a este proxecto -moitas procedentes da capital provincial-, mentres que máis de 9.700 voluntarios e voluntarias operan en toda Galicia.

A sede da iniciativa está situada no primeiro andar do Museo de Bergantiños da capital carballesa, punto de encontro para os voluntarios, que tamén poden contactar co programa a través do Teléfono Solidario, 900 400 800. Dende alí son remitidos ao punto de voluntariado que este máis preto. En Carballo, as actividades desenvólvense durante a fin de semana en dúas quendas, unha ás 10.00 horas e outra ás 16.00 horas. Se están todo o día, o servizo proporciónalles a comida.

Os participantes receben un equipo que inclúe unha mochila con varias prendas de protección, como luvas, pucha ou chaleco, e Tareixa Novo quixo subliñar que os voluntarios nunca están en perigo nin participan persoalmente nos labores de extinción. A Delegada tamén quixo animar aos veciños e veciñas a que participen nesta iniciativa, e agradeceu a resposta e "o espírito de solidariedade do país". O Alcalce, Evencio Ferrero, desexou que esta rede permita "que se reduza o risco de lumes" e que se plasme "o trunfo da sociedade galega sobre outra forma de terrorismo medioambiental". Para obter máis información, os interesados tamén poden entrar na web do Voluntariado en Defensa do Monte Galego.

Compartir: