UNIVERSIDADE DA CORUÑA
Arrinca en Carballo ‘Traballando en lingua’, un curso de verán de novas tecnoloxías e dinamización lingüística
Luns 14 de xullo do 2008
‘Traballando en lingua’ abordará temas como a alfabetización tecnolóxica e o alcance das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) en Galicia, as oportunidades que ofrece o software libre, os espazos e recursos para o galego na rede, as tecnoloxías lingüísticas, as ferramentas de enxeñería lingüística, o software en galego para o mundo da empresa ou os contidos dixitais, entre outros.
No curso, de 25 horas de duración, participarán 60 alumnos e alumnas, e o poder de convocatoria da actividade foi todo un éxito, xa que todas as prazas están cubertas e incluso nestes momentos hai lista de espera. A realización deste curso en Carballo é froito dun convenio de colaboración asinado entre o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Coa organización do curso tamén colaboran a Deputación da Coruña, desde a Área de Normalización Lingüística que dirixe Xoán Manuel Sande, e a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL).
Para rematar esta cita coa lingua e as novas tecnoloxías -incluída no programa do Verán Cultural 2008-, o director, os actores e a actriz protagonista da película galega ‘Pradolongo’ presentarán este filme, que se proxectará o xoves 17 a partir das 22.30 horas na Praza do Concello de Carballo. Os interesados en obter máis información poden consultar no Servizo de Normalización da Universidade da Coruña ou na CTNL.