Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os actores e o director de 'Pradolongo'...

NOITES DE CINE

Os actores e o director de 'Pradolongo' presentan este filme no Xardín Municipal de Carballo

Mércores 16 de xullo do 2008

Pero previamente, os creadores e actores desta película comezan o seu programa en Carballo cunha conferencia sobre ‘A proxección de contidos artístico-culturais en galego’. Será no Pazo da Cultura dentro das actividades de ‘Traballando en lingua’ -e só para os integrantes do curso. Xa máis tarde, serán os protagonistas da proxección dunha obra -no Xardín e para todo o público- que é, con máis de 45.000 espectadores e espectadoras nos cines, a película galega e en galego máis vista de todos os tempos.

‘Pradolongo’ trata sobre a perda da amizade. É a historia de tres amigos da infancia que ven deteriorarse os seus venvellos na medida en que os intereses de clase e os sentimentos amorosos entran nas dúas vidas. A película propón unha visión cen por cen galega do contraste entre a Galicia 'verde' fronte ao desenvolvemento industrial representado polas empresas louseiras como fondo dunha historia na que tres rapaces chegan á maioría de idade e vense obrigados a reconsiderar os seus soños.

Os protagonistas de ‘Pradolongo’ veñen de realizar unha aventura por toda Galicia facendo unha promoción da película a pé de rúa, unindo a isto unha estratexia na Internet a través da web do filme. O resultado foi o de converterse na película sorpresa das carteleiras galegas, superando en moitas ocasións incluso aos filmes americanos.

Compartir: