VISITA DO DELEGADO DO SÁHARA EN GALICIA
Tres familias carballesas acollen a outros tantos nenos saharauís durante todo o verán
Mércores 16 de xullo do 2008
Ahmedu Motjar quixo resaltar as "dificilísimas" situacións que viven as familias saharauís nos campamentos, con nenos e nenas "que nunca viron a terra dos seus pais e que pasan os días nun territorio varrido e en temperaturas extremas". O delegado do Sáhara en Galicia subliñou a necesidade de "visualizar máis o problema, porque detrás de cada neno hai un drama enorme". Por último, Motjar Abdalahi quixo trasladar ás familias carballesas que colaboran con ‘Vacacións en paz’ a gratitude dos pais dos rapaces "porque vos confían o máis prezado que teñen", e solicitou que a colaboración dos concellos siga no futuro, incluso ampliando o seu campo de acción.
Bernardo Porto quixo resaltar o labor de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, "ao servizo dun pobo que o necesita"; e o Alcalde, Evencio Ferrero, pechou a recepción lembrando que todos os ámbitos deberían amosar "o seu apoio ao pobo saharauí e a súa indignación ante unha situación que ía ser provisional e que se prolonga dende hai máis de 30 anos". Ferrero comprometeuse a "seguir impulsado o programa" de acollida e a colaborar para que "esa reivindicación de ‘Sáhara libre’ sexa unha realidade".