Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta a súa candidatura para...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Carballo presenta a súa candidatura para entrar na Rede galega de Concellos pola Sustentabilidade

Venres 18 de xullo do 2008

A aprobación desta candidatura tivo lugar hoxe -18 de xullo- durante a celebración dunha sesión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local, aínda que para o seu visto bo definitivo, este punto deberá ser ratificado no próximo pleno por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación. De ser finalmente admitida a candidatura, a Consellería de Medio Ambiente favorecería a creación dun núcleo de sustentabilidade no municipio, colaborando no impulso, coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sustentabilidade local e axendas 21 locais, así como co fomento da implantación das axendas 21 escolares nos centros educativos.

Pola súa banda, a Administración Local comprométese a crear unha Axencia Local de Sustentabilidade e dotala de persoal e equipamento material, a implantar un sistema de xestión ambiental no concello, a realizar actividades de sensibilización e educación sobre o conxunto da poboación, ou a executar investimentos no eido ambiental. O Concello de Carballo basea a súa candidatura no labor que xa leva realizando dende hai cinco anos, con actuacións como campañas informativas nos centros escolares; a celebración de actos divulgativos como o Día da Árbore; a creación dunha Brigada de Medio Ambiente; a creación dun programa de eliminación de barreiras arquitectónicas; o acondicionamento e construcción do paseo do Anllóns; a implantación de paneis solares na piscina municipal da zona Bergantiños; a participación dun programa de compostaxe doméstica en Oza; a creación do carril bici a Razo; ou o proxecto Temunde de enerxías renovables.

De entrar na Rede de Concellos Sustentables, o goberno local comprométese a seguir traballando na mesma liña e a planificar itinerarios sustentables no municipio, continuando con accións como a creación dunha ruta das férvedas; o acondicionamento de novos espazos públicos á beira do Anllóns; a realización dun estudo de eficiencia enerxética para os edificios públicos; ou a promoción da mobilidade sustentable.

Compartir: