VERÁN CULTURAL
‘O Fiadeiro’ achega o folclore a Carballo coa presentación do espectáculo "Esta noite hai unha fía"
Venres 18 de xullo do 2008
"Esta noite hai unha fía" é unha gala de música, baile e costumes tradicionais galegas que poñen en escea máis de 50 músicos, bailaríns e bailarinas que se acompañan dunha historia audiovisual sobre os bailes e a historia do grupo. O espectáculo tamén pretende ser unha mostra do traballo de recuperación etnográfica de ‘O Fiadeiro’, xa que adaptan coidadosamente as danzas de toda a xeografía galega e o vestiario correspondente a cada zona.
A Asociación Cultural Folclórica ‘O Fiadeiro’ naceu no ano 1995 co propósito de compilar, conservar e transmitir o legado cultural de tradición galega que permaneceu durante moito tempo, e aínda permanece, gardado na memoria cun alto risco de ser esquecido. A agrupación de danzas tradicionais da entidade vén de participar en espectáculos en Cantabria, Barcelona ou nos teatros ‘Principal’ de Pontevedra, ou ‘Rosalía de Castro’ da Coruña. No agosto de 2002, participaron na 32 edición do Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña.
O domingo actuarán ofrecendo muiñeiras, xotas, valses, rumbas, pandereitadas ou incluso pasodobres, coa especial aparición da Muiñeira Vella e Xota de Malpica de Bergantiños -que abre o espectáculo-, nunha nova cita do Verán Cultural 2008.