CULTURA E XUVENTUDE
O III Festival Sereas e Piratas convértese nunha referencia para a música alternativa feita en Galicia
Venres 18 de xullo do 2008
O Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo, manifestou a súa "ledicia" polo crecemento deste festival na súa presentación, na que tamén estaba a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; José Deus, membro da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora da cita; María Costa, membro do grupo carballés Franc3s; Pablo Rodríguez, de Art Surf Camp; e o Alcalde carballés, Evencio Ferrero. Deus quixo resaltar que "en Carballo está pasando algo a nivel musical" e que esto está repercutindo en toda Galicia, xa que por todo o país soan citas carballesas como o Rockin, o propio Sereas e Piratas ou o Xiria Pop.
María Costa explicou o concepto de ‘Galicia Bizarra’, que aglutina "aos grupos máis orixinais e sorprendentes dos pobos, que xorden sen prexuízos e sen necesidade de demostrarlle nada a ninguén". Costa subliñou a vontade dos participantes no Sereas e Piratas de que a iniciativa se consolide en máis concertos e incluso que se plasme nun traballo recopilatorio.
E ademais do marco da praia de Razo e da presencia da música, o Festival Sereas e Piratas tamén conta con oferta deportiva. Art. Surf Camp organiza un ‘airshow’ no que grazas a unha máquina os surfistas poden coller máis velocidade do habitual e facer figuras espectaculares enriba das ondas. Haberá un premio de 100 euros, así mesmo, para a manobra máis espectacular. Esta cita será sobre as 19.00 horas.
Por último, hai que mencionar que este ano o escenario para as actuacións muda de ubicación, xa que estará na pista de baloncesto situada a carón da praia e do campo de fútbol. Os acordes comezarán a soar sobre as 21.00 horas.
O Alcalde, Evencio Ferrero, amosou a súa satisfacción por "ver como se consolida un festival que paso a paso se vai convertendo nun referente" e subliñou a importancia de Razo como "punto de encontro no verán", felicitando á organización polo cartel.