SESIÓN PLENARIA DE XULLO
O Concello impulsa os trámites orzamentarios necesarios para a execución do Proxecto Fórum Carballo
Xoves 24 de xullo do 2008
Os trámites para esta mesma actuación tamén implican a modificación dos límites do gasto plurianual para a iniciativa, co obxectivo de axustarse ás esixencias europeas respecto da contía da inversión que debe realizarse en 2008 (1,4 millóns de euros), 2009 (2,6 millóns de euros) e 2010 (sobre 700.000 euros). Dentro do apartado de Facenda, o pleno tamén aborda a creación dun suplemento de crédito de 1.227.000 euros, que se fai coa incorporación do remanente de tesourería.
Segundo explicou o Alcalde, Evencio Ferrero, que presentou os asuntos do pleno xunto do Tenente de Alcalde, Xosé Antonio Viña, neste suplemento incorpóranse moitas partidas que necesitan axustes, moitos deles motivados "polos prezos da enerxía e o combustible". De feito, deben incorporarse 100.000 euros para o gasto de enerxía eléctrica ou 120.000 euros para o mantemento das piscinas municipais. Tamén hai partidas destinadas a proxectos técnicos con 280.00 euros, ou a vías públicas, con 150.000.
Durante a sesión tamén está previsto debater a adhesión do Concello de Carballo á Rede de Concellos pola Sustentabilidade, que debe recibir a ratificación de todos os grupos da corporación para a súa validación. Así mesmo, inclúese na orde do día a adhesión de Carballo ao Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte ou a creación dun grupo municipal para a posta en marcha do servizo de ‘Comedor sobre rodas’.
Por último, o Goberno local leva a pleno o ‘Proxecto básico e de execución de módulo de Vestiarios, peche e muros de contención en Campo de Fútbol’ -que suporá a creación destas instalacións no anexo das Eiroas- para poder optar ás axudas da Deputación da Coruña; e tamén unha modificación dos ‘Criterios para as segregacións en solo clasificado como núcleo rural’.