Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo pon en marcha un plan de viabilidade...

NOVAS TECNOLOXÍAS

Carballo pon en marcha un plan de viabilidade para poder dotar ao rural de cobertura de banda ampla

Xoves 24 de xullo do 2008

Así o explicou o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, durante a presentación deste estudo, á que tamén acudiu o Alcalde, Evencio Ferrero. Guillín engadiu que nestes momentos o Concello xa entrou en negociacións con algunhas das empresas, que serían as que asumirían os gastos da instalación das infraestruturas necesarias para ofrecer o servizo.

Nestes momentos, o 35 por cento dos residentes no rural carballés non poden acceder a internet de banda ampla, e moitos nin sequera teñen acceso á liña de teléfono fixo. O estudo revela casos como o de Cances, no que só as vivendas próximas á estrada AC-414 contan co servizo; o de Sísamo, no que poden chegar a tardar oito meses en instalar o acceso ao teléfono fixo; ou o de Razo, no que a demanda vai moi por diante da conectividade. Mesmo nas proximidades do núcleo urbano hai algún baleiro, como o existente na Avenida dos Abetos, que carece de banda ampla.

O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que o Concello xa detectara hai tempo as deficiencias existentes no rural, de aí a necesidade da elaboración do estudo e de tomar medidas ao respecto. "Esperemos que a solución facilite a conectividade a una velocidade que permita empregar o servizo con soltura", rematou o rexedor.

Compartir: