Inicio Carballo ao día Hemeroteca As Landras pasará a formar parte o...

VICEPRESIDENCIA

As Landras pasará a formar parte o próximo curso da rede de Galescolas do Consorcio Galego

Luns 28 de xullo do 2008

A inclusión das Landras na rede de Galescolas implica unha redución nos gastos que nestes momentos afronta o Concello para o mantemento do servizo. Así, a administración local aporta na actualidade o 60 por cento do total do financiamento, pero pasará a poñer un 30 por cento -aproximadamente a metade. Deste xeito, a maioría dos custos, incluídos os salarios do persoal que xestiona a Galescola, correrán a cargo do Consorcio. Así mesmo, mellorará o servizo para os veciños, xa que se ampliarán e homologarán os horarios e os traballadores gozarán de mellores condicións económicas. A vixencia do acordo entre Vicepresidencia e o Concello carballés terá unha duración de dez anos.

No tramo educativo de 0 a 3 anos, o Concello carballés tamén xestiona nestes momentos a creación dunha nova Galescola no entorno do polígono urbano 19 da capital municipal, situado nas inmediacións da estrada de Razo. No pleno da corporación do pasado mes de xuño aprobouse a cesión duns terreos de pouco máis de 2.500 metros cadrados ao Consorcio Galego e o Goberno local espera que os traballos poidan comezar este ano. A futura escola infantil contará con oito módulos, polo que terá capacidade para acoller arredor de cen nenos.

Compartir: