ENSINO
A Consellería de Educación afrontará a ampliación do colexio Bergantiños da capital carballesa
Luns 28 de xullo do 2008
Dende a Delegación quedaron en falar canto antes co inspector educativo para poñer en marcha todo o proceso e poder emprender os traballos. O Alcalde explica que os datos do incremento demográfico en Carballo no 2006 foron os máis elevados da última década, polo que o pico en solicitude de prazas para os nenos de 0 a 3 anos chegará no curso 2009/10. Será especialmente no casco urbano, xa que o crecemento "non é homoxéneo en todo o municipio", matiza Ferrero. De aí a necesidade de que a capital municipal conte canto antes con máis aulas dispoñibles.
Por este motivo, o Concello carballés solicitoulle á Consellería de Educación que axilice os trámites para a ampliación e previr os posibles problemas, que xa comezaron a notarse de forma puntual este curso. Ademais, a execución das obras tamén urxe para poder determinar a localización dunha nova Galescola no recinto do colexio Bergantiños -que sería a terceira para o municipio-, así como para o acondicionamento dun patio cuberto para os alumnos de Infantil do centro.