Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo educa na sustentabilidade coa posta en...

MEDIO AMBIENTE

Carballo educa na sustentabilidade coa posta en marcha de varios obradoiros e circuítos abertos para a cidadanía

Mércores 30 de xullo do 2008

O programa contará con dous tipos de actividades fundamentais. Por unha banda, circuítos experimentais, que se desenvolverán na Praza do Concello de Carballo todos os sábados de setembro e o primeiro de outubro a partir das 11.00 horas; e por outra, obradoiros que terán lugar na Ludoteca na semana entre o 19 e o 26 de setembro de 17.00 a 18.30 horas. Os temas que se abordarán teñen que ver coas claves do cambio climático; coa importancia da conservación e do consumo responsable da auga; co desenvolvemento sostible; coa reciclaxe ‘divertida’; ou co fomento das enerxías renovables, ademais de co coidado da terra ou coas consecuencias do efecto invernadoiro.

Esta iniciativa, incluída dentro do programa Carballo Limpo, está financiada polo Concello carballés e pola Consellería de Medio Ambiente -a través das axudas para o desenvolvemento de actividades de educación para a sustentabilidade-, e ten un custo aproximado de 6.500 euros. Os obradoiros e circuítos están deseñados para favorecer a motivación, o traballo en equipo e a integración dos participantes, e pretenden -en clave divertida e interactiva- axudar aos veciños a entender mellor os fundamentos científicos da sustentabilidade e a responsabilidade de cada quen no coidado do medio ambiente.

Compartir: