EMIGRACIÓN
Carballo e Uruguai estreitan vencellos coa visita do parlamentario Luis Rosadilla
Xoves 31 de xullo do 2008
A colaboración entre o Concello carballés e o Goberno uruguaio vén de lonxe e tense plasmado en varios convenios de colaboración. Nestes momentos hai asinado un acordo coa Intendencia de Montevideo, e ata o ano pasado o Goberno local ten colaborado co tecido asociativo de Bergantiños na capital uruguaia a través de axudas ao Centro Social e Cultural Bergantiños.
Ademais, Carballo ten recibido nos últimos anos a gobernantes uruguaios de grande peso, como o Intendente de Montevideo, Mariano Arana; o Intendente de Canelones -lugar que conta cun elevado número de poboación en Carballo- Marcos Carámbula; ou o parlamentario do Goberno de Uruguai, Eleuterio Huidobro. O Concello de Carballo tamén promove as relacións co colectivo de uruguaios e de emigrantes retornados, un grupo bastante numeroso no municipio. Así, segundo o censo de decembro de 2007, Carballo conta con preto de 300 cidadáns extra comunitarios procedentes de Uruguai.
Este colectivo conta coa asociación Casa de Uruguay-El Ceibo, que organiza actividades coas que colabora o Concello carballés, e a Concellería de Emigración presta servizos aos inmigrantes asentados no municipio para que acaden a súa integración a través de diversas actividades. Precisamente a responsable deste departamento, Lourdes Rey, espera que esta visita axude a unir aínda máis os vencellos con Uruguai.