Inicio Carballo ao día Hemeroteca A capital municipal de Carballo xa conta con oito...

URBANISMO

A capital municipal de Carballo xa conta con oito novas rúas no entorno da estrada de Razo

Venres 1 de agosto do 2008

Esta urbanización -levada a cabo polo Grupo Riotorto- forma parte dos acordos para desenvolver este polígono, que albergará a nova zona residencial Costa Nariga, cunha superficie de 60.000 metros cadrados e 800 vivendas proxectadas. As novas rúas levarán os nomes "de mulleres relevantes do noso país", segundo expresou o Alcalde durante o acto. Na sesión plenaria do pasado mes de xuño, a corporación aprobou por unanimidade a nova nomenclatura, que inclúe a persoeiros como María Mariño, Xoana de Vega, María Barbeito, Sofía Casanova, Luísa Villalta, Carolina Otero, Clara Campoamor ou Sira Alonso. Segundo Evencio Ferrero, o obxectivo da nova rede viaria no é só "poñer en valor urbanístico a zona, senón tamén a presencia feminina".

O rexedor resaltou así mesmo que a nova urbanización acolle a parcela de 2.500 metros cadrados na que se levantará a nova Galescola do Concello carballés, "unha infraestrutura imprescindible" dentro dos servizos da capital municipal. Nestes momentos, o Concello xa ten cedido os terreos á Vicepresidencia da Xunta para axilizar ao máximo os trámites. O Alcalde rematou lembrando que hai que seguir promovendo o crecemento do Concello e "impulsar un Carballo que agora é un pouquiño máis grande".

Compartir: