Inicio Carballo ao día Hemeroteca A praia de Razo convértese nun espazo de...

CULTURA

A praia de Razo convértese nun espazo de promoción da lectura con ‘Máis libros, máis libres’

Luns 4 de agosto do 2008

O obxectivo da campaña é levar a lectura a todos os ámbitos da vida e buscar novos espazos e achegarse a outros públicos a través de bibliotecas móbiles en lugares de lecer. O vehículo que visita Carballo -que estará estacionado nas proximidades do parque infantil de Razo- conta cun equipo de cinco persoas debidamente identificadas que repartirán libros de balde e obxectos como marca páxinas, gorras, abanos, blocs de notas, etc. Así mesmo, haberá unha ‘Ciclobiblioteca’ polo contorno da praia e diversos espectáculos de contacontos entre os máis pequenos durante toda a xornada. Por outra banda, ao longo da tarde está prevista a visita da delegada provincial de Cultura, Milagres Lantes, que estará acompañada pola súa homónima no Concello, Belén Lendoiro.

Ademais de Carballo, ‘Máis libros, máis libres’ visita ao longo de todo o verán vilas como Ribadeo, Viveiro, Foz, Ferrol, Boiro, Vilagarcía, O Grove, Pontevedra, Cangas, Vigo ou as praias fluviais de Ourense, Allariz e O Barco. Esta iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural encádrase dentro do Plan da Lectura presentado pola Consellería de Cultura, unha iniciativa que ordena de forma integral todos os esforzos que se realizan para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas ou editores, para o que se prevé un investimento total de 50 millóns de euros en toda Galicia ata o ano 2011.

Compartir: