SANIDADE
O Concello e o Centro de Transfusión de Galicia impulsan a participación dos veciños na doazón de sangue
Martes 5 de agosto do 2008
Mediante esta iniciativa, que se está a desenvolver este verán en máis de 250 concellos, preténdese garantir o correcto labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van precisar ao redor de 44.000 doazóns de sangue nos meses do verán. Hai que destacar que o pasado ano 2007 houbo un total de 1.137 doazóns no Concello de Carballo, o que supuxo acadar unha taxa de 40 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
A campaña de doazón do verán de 2008 foi presentada polo responsable de Protección Civil de Carballo, Francisco Souto; polo responsable de promoción do CTG, Antonio Carcedo; pola Concelleira de Sanidade, Lourdes Rey; e polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Todos eles amosan o seu agradecemento aos veciños e veciñas que participan nas campañas e que permiten que os enfermos recuperen a súa saúde, pero a pesares dos bos datos do 2007, tamén fixeron fincapé na importancia de seguir nesta liña no 2008.
Rey manifestou a necesidade de que "Carballo siga estando nos primeiros postos en doazóns", mentres que Carcedo resaltou que "hai que ir á praia, pero tamén hai que buscar quince minutos para deixar un chisquiño de sangue que pode salvar moitas vidas". O Alcalde, Evencio Ferrero, chamou "á conciencia solidaria de todos os cidadáns", e explicou que os datos das doazóns na comarca de Bergantiños están estancados "ou con tendencia á baixa". Por iso animou aos veciños e veciñas e desexou que esta campaña "sexa polo menos tan satisfactoria como o foi a do ano pasado".