INSPECCIÓN TÉCNICA DE VEHÍCULOS
O polígono de Bértoa acolle unha unidade móbil da ITV para a revisión obrigatoria de ciclomotores
Martes 29 de xaneiro do 2008
Para poder realizar a revisión é necesario presentar o permiso ou licenza do ciclomotor e o seu certificado de características técnicas. A ITV entregará un certificado e un informe da inspección, así coma un adhesivo que os ciclomotores deberán levar obrigatoriamente. A non presentación dun ciclomotor que estea obrigado á ITV no prazo debido leva aparellada unha sanción de 150 euros e a intervención do permiso de circulación. En caso de inspección negativa, o titular ten dous meses para arranxar os erros atopados. Se a ITV considera que os defectos son tan graves que o uso do ciclomotor pode poñer en perigo ao resto dos usuarios da vía, procederá a inmobilizalo.
As principais razóns para poñer en marcha esta medida é a mellora da seguridade viaria dos ciclomotores, vehículos que se poden trucar facilmente para que superen os 45 quilómetros por hora de velocidade máxima que teñen permitida. Estas trucaxes inciden especialmente no consumo e no ruído do motor. Pasar a ITV garantirá que os propietarios manteñan as características iniciais dos ciclomotores, pensados para un consumo moderado e un nivel sonoro dentro dos límites legais.