Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum Carballo nace coa vocación...

FORMACIÓN E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

O Fórum Carballo nace coa vocación de dinamizar un territorio de 70.000 habitantes a través da innovación e a creación de emprego

Venres 30 de xaneiro do 2009

Esta iniciativa desenvólvese en torno a tres eixos fundamentais. En primeiro lugar, a construción do complexo da Casa dos Oficios, que pasa a ser o complexo Fórum Carballo: un recinto de 11.000 metros cadrados con cinco naves para desenvolver obradoiros formativos que servirá como sede para a orientación laboral e a promoción do emprego e tamén como espazo para os empresarios. En segundo, un plan de dinamización da veciñanza con campañas de sensibilización e o desenvolvemento de actividades socioculturais para potenciar o recinto e implicar á poboación.

Por último, o Fórum Carballo implica a posta en marcha dunha construción na que se ofrecerá orientación e axuda para empresas, cursos formativos e tamén medidas para o desenvolvemento económico sostible, con especial atención ao medio ambiente. No que respecta ás políticas de creación de emprego, o obxectivo é dar resposta ás necesidades actuais do mercado laboral. Neste sentido, o Fórum contará co primeiro campus on-line da Costa da Morte, que facilitará a teleformación.

A presentación do Fórum Carballo contou coa presenza do Director Xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca Díaz, que describiu a iniciativa como un xeito de "dotar de servizos a empresarios, traballadores e cidadáns". Sen esquecer a "difícil situación do emprego", aposta pola creación de políticas de inserción laboral e por iniciativas coma o Fórum, que contan coa colaboración da Consellería de Traballo. O edificio do Fórum Carballo estará rematado en 2010, e o conxunto das iniciativas financiadas polos fondos europeos ten vixencia ata o 2011.

Compartir: