Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello habilita unha oficina para axudar a...

SEGUNDO ANDAR DA CASA CONSISTORIAL DE 9.00 A 14.00 HORAS

O Concello habilita unha oficina para axudar a tramitar a reclamación de danos polo temporal

Mércores 4 de febreiro do 2009

Hai que subliñar que os importes poderán solicitarse para reparar danos en vivendas ou edificios e tamén no caso de agricultores profesionais, pero as axudas non cobren os danos en áreas forestais. Estas axudas solicítanse ao abeiro dunha orde da Xunta de Galicia aprobada o 29 de xaneiro para a adopción dunha serie de medidas urxentes para paliar os danos causados e facer fronte ás situacións de necesidade en que se puidesen atopar os colectivos afectados, así como para reactivar as zonas danadas. Os beneficiarios poden acollerse ás axudas da Consellería de Economía, referidas a subvencións por danos persoais; da de Vivenda, para os danos en construcións e edificios; e da de Medio Rural, para as explotacións agrícolas e gandeiras. En cada un dos casos a documentación e os requisitos para poder obter as subvencións varían.

No caso de Vivenda, poderán facelo as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas que sufrisen os danos. Os solicitantes deberán aportar unha fotocopia compulsada do DNI ou NIF; un título que acredite a condición de propietario/a, usufrutuario/a ou arrendatario/a da vivenda; certificado de residencia, de empadroamento ou domicilio fiscal; fotografías que reflictan os danos; copia da póliza de seguro dos bens afectados ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os bens para os que solicita as axudas non estaban asegurados; e declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas. Para o resto dos danos, os interesados e interesadas poden consultar o DOG na marxe superior dereita desta nova.

Compartir: