Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta autoriza o proxecto para a...

A NOVA INFRAESTRUTURA DARÁ SERVIZO A 2.000 HABITANTES

A Xunta autoriza o proxecto para a construción da depuradora de Ardaña por 2,7 millóns de euros

Xoves 5 de febreiro do 2009

O proxecto inclúe a construción de dúas estacións de bombeo, coas súas correspondentes impulsións, de cinco colectores e da propia planta de tratamento de augas residuais, que terá capacidade, nun principio, para o tratamento das augas de 2.000 habitantes, aínda que o servizo pode ser ampliable a 4.000 veciños e veciñas. A actuación conta cun prazo de execución de vintecinco meses, dos que un corresponde á redacción do proxecto definitivo, doce á realización dos traballos e os outros doce á explotación das instalacións.

Con esta iniciativa o Goberno Local carballés continúa a desenvolver o seu proxecto de estender redes de depuración de augas e saneamentos por todo o territorio municipal. O obxectivo é que ao remate do vixente mandato poidan dispoñer desta infraestrutura a meirande parte dos máis de 300 núcleos de poboación do concello, cunha previsión de investimentos en materia de saneamentos que ronda os dez millóns de euros.

Compartir: