Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello amplía o contrato de Aspaber...

TRES TRAMOS DE ESTRADAS AUTONÓMICAS PASAN A SER DE TITULARIDADE MUNICIPAL

O Concello amplía o contrato de Aspaber para a limpeza viaria no casco urbano e no medio rural

Sábado 28 de febreiro do 2009

A modificación deste contrato realizarase na sesión plenaria extraordinaria que se celebra o luns 2 de marzo, na que tamén se aborda o cambio de titularidade de tres tramos de estradas autonómicas a favor do Concello. Esta modificación é a consecuencia do convenio coa Consellería de Política Territorial para a mellora da travesía de Malpica, asinado o pasado 26 de xaneiro. O custo dos traballos chega a 1.150.000 euros, dos que Política Territorial aporta 910.000 e o Concello os 240.000 euros restantes.

A administración local acepta por este acordo a transferencia da titularidade de pouco máis dun quilómetro da estrada Carballo-Buño (AC-414) dende a travesía de Malpica ata o enlace coa autovía A Coruña-Carballo (AG-55), que constitúe o treito obxecto da reforma -coa renovación da pavimentación da avenida, a ampliación da calzada e a instalación de beirarrúas e aparcadoiros. Así mesmo, asume outros 900 metros da estrada A Coruña-Cee (AC-552) pertencentes á travesía principal xa reformada e que afectan a un tramo entre o cruce coa rúa Portugal e a ponte da Casilla.

A sesión inclúe tamén a conta de recadación do exercicio 2008. O Concello pecha unha liquidación en positivo, con 1,8 millóns de euros de remanente de tesourería, "un bo resultado nun ano difícil", segundo subliña o Alcalde. Así mesmo, as facturas que non puideron ser abordadas en 2008 ascenden a 350.000 euros, unha cantidade que, segundo os socios do goberno, reflicte o bo estado de saúde económica do Concello. Por último, o pleno aborda unha modificación no regulamento do Consello Escolar Municipal, pola que se exclúe a participación dos grupos políticos no seu funcionamento, así como pequenos cambios no Inventario Municipal de Bens.

Compartir: