Inicio Carballo ao día Hemeroteca Permanece aberto o proceso para a...

XESTUR COMPROMÉTESE A FACILITAR A COMPRA DOS TERREOS

Permanece aberto o proceso para a adquisición de parcelas na ampliación do polígono de Bértoa

Xoves 5 de marzo do 2009

Respecto aos prezos das parcelas, o Consello de Administración de Xestur acordou o día 31 de marzo, en resposta a unha solicitude presentada polo Concello de Carballo, flexibilizar as condicións de pagamento para que os empresarios/as poidan pagar o 10 por cento do prezo de custo no momento da compra, o 30 por cento en 2010 e o 60 por cento restante no momento en que se formalice a escritura da propiedade. O obxectivo do Concello é acadar as facilidades necesarias para que a ocupación do parque empresarial sexa do cen por cen nun prazo de cinco anos. Tamén se acordou que o custo dos terreos no polígono de Bértoa se axuste ao custe final do investimento, nunca superior aos 80 euros por metro cadrado de media.

Á hora de formalizar as adxudicacións, valorarase o interese da actividade que se desenvolverá no polígono industrial, tendo en conta o investimento previsto e o número de postos de traballo que se van crear. Terá repercusión positiva que se trate dunha empresa de nova creación ou de interese social, con prioridade se está dirixida por mulleres ou menores de 35 anos. Así mesmo, Xestur terá en conta a conveniencia do traslado da empresa dende a súa situación actual e aquelas propostas que conten con subvencións do Igape, o Plan Leader ou iniciativas similares. O concurso tamén valora se se trata de empresas que incrementan o seu ciclo produtivo co traslado ou se suporá o relanzamento dunha industria xa asentada. Por último, terase en conta se o licitador pretende adquirir máis dunha parcela. Nesta mesma nova, na marxe superior dereita, os interesados e interesadas poden descargar a relación de prezos e parcelas, o impreso de solicitude, as bases da convocatoria e o plano de situación dos terreos.

Compartir: