Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo conmemora o Día...

A CITA É O XOVES 12 DE MARZO ÁS 20.30 HORAS

O Concello de Carballo conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora coa obra de teatro ‘Rotas’

Mércores 11 de marzo do 2009

A compañía Pífano Teatro é a responsable desta produción, cun texto de Rosa Castro e a dirección de Xavier Pícallo. ‘Rotas’ é un manifesto contra a chamada violencia de xénero e unha denuncia contra a tortura e o asasinato que sofren as mulleres. Nesta nova aposta de Pífano Teatro, a dramatización está posta ao servizo dun debate posterior sobre este auténtico drama social que parece non ter fin, e que corre o risco de ser asumido pola sociedade como algo normal. A función conta con 35 minutos de dramatización e 45 minutos de debate e está dirixida a maiores de 12 anos.

O Día Internacional da Muller Traballadora celébrase o 8 de marzo e está recoñecido por Nacións Unidas. Neste día conmemórase a loita da muller pola súa participación, en pé de igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. A idea dun día internacional da muller xurdiu a finais do século XIX en plena revolución industrial e no punto culminante do movemento obreiro. A medida que as mulleres se ían incorporando ao mundo laboral, víase que a súa situación non era xusta e pouco a pouco empezaron a organizarse.

Dende eses primeiros anos, o Día Internacional da Muller Traballadora ten adquirido unha nova dimensión mundial para as mulleres dos países máis desenvolvidos e en vías de desenvolvemento. Esta data é cada día máis unha ocasión para reflexionar sobre dos avances conseguidos, esixir cambios e celebrar os actos de valor e decisión de mulleres comúns que teñen desempeñado unha función extraordinaria.

Compartir: