Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Feirón de Primavera potencia o mercado e...

COMERCIO E PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Feirón de Primavera potencia o mercado e o comercio local os próximos días 28 e 29 de marzo

Venres 13 de marzo do 2009

A Feira das Oportunidades está especialmente dedicada ao comercio local, e consistirá na instalación dunha carpa con 500 metros cadrados útiles que contará con 26 stands, a maioría deles ocupados por establecementos do CCA, principal promotor, co Concello, desta iniciativa. Os veciños e veciñas poderán mercar miles de artigos de primeira calidade a prezos de oportunidade e con establecementos moi variados e produtos de moda, decoración, calzado, óptica, alimentación, etc. A feira estará aberta no San Martiño o 28 e 29 de marzo de 10.00 a 21.00 horas.

No que respecta a Merca-do bo, contará tamén cunha carpa na praza do Concello na que se impulsará a compra de produtos locais e que está dedicada aos produtos gastronómicos de tempada, favorecendo o mercado tradicional e a dieta atlántica. Desta volta, Merca-do bo estará dedicado a divulgar o cooperativismo e a fomentar os produtos con denominación de orixe. A carpa estará aberta o 29 de marzo de 9.30 a 14.30 horas.

Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, ou a xerente do CCA, María del Carmen Freire, quixeron subliñar que o Feirón de Primavera tamén pretende ser unha pequena contribución contra a crise económica actual. O Alcalde espera que a iniciativa serva para "revitalizar" o comercio e para que a xente visite Carballo e vexa que a vila ten bos produtos e bos mercados.

Compartir: