Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo regula a situación dos empregados...

O GOBERNO LOCAL CALCULA QUE ENTRARÁ EN VIGOR EN MAIO DESTE ANO

Carballo regula a situación dos empregados do Concello coa elaboración dunha Relación de Postos de Traballo

Mércores 18 de marzo do 2009

A RPT inclúe unha relación da estrutura organizativa de tódolos postos de traballo do Concello -nestes momentos uns 200- e valora cada posto de traballo e qué obrigas lle corresponden a cada empregado. O documento conta co apoio e a unanimidade de tódolos sindicatos con representación na mesa de negociación: CCOO, CIG, CESIF e UXT. O acordo implica a actualización económica das retribucións complementarias dos funcionarios, pero tamén regula as condicións dos traballadores temporais, algúns na plantilla municipal dende os anos 80.

No que respecta ás retribucións complementarias, cada posto de traballo conta cunha valoración, medida en puntos. Como consecuencia desta valoración, a RPT aplica un valor de 22,32 euros de retribución por punto. Os traballadores que aínda non cheguen a este valor -hai algúns que xa cobran o correspondente a estes parámetros-, verán actualizado o complemento específico do seu salario nos próximos catro anos -entre 2009 e 2012- ata chegar a ese mínimo acordado. Segundo explicou a Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, o gasto previsto para a regulación de salarios neste ano 2009 é de 172.000 euros. "A excelente saúde económica do Concello fixo posible este acordo", explica o Alcalde, Evencio Ferrero, e a posibilidade de principiar coas actualizacións dos salarios este mesmo ano.

A Lei esixe dende o ano 1984 que as administracións locais conten cunha Relación de Postos de Traballo. Sen embargo, os primeiros pasos para a elaboración deste documento producíronse no mandato 2003/07, cando se estableceu unha mesa de negociación. No ano 2006 a Universidade de Santiago comezou a elaborar a RPT e despois de múltiples negociacións, finalmente rematouse esta semana coa colaboración dos sindicatos. "É un acordo bo para o Concello, para os traballadores e para os cidadáns", remata o Alcalde.

Compartir: