Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Antena Local da Cámara de Comercio en...

PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo presenta as súas propostas de traballo para 2009

Mércores 1 de abril do 2009

A Antena Local da Cámara propón cinco actuacións -seminarios, estudos ou xornadas- e o Observatorio Socioeconómico Local -un grupo formado por institucións, asociacións e empresarios para detectar problemas e buscar solucións no eido económico na Costa da Morte-elixe cales son as máis axeitadas. Carmen Navarro, Vicesecretaria da Cámara de Comercio, quixo resaltar a importancia das accións formativas, que se poden desenvolver este ano por primeira vez grazas á achega do Fondo Social Europeo.

As cinco propostas, das cales sairán as que finalmente se levarán a cabo a partir de finais de abril, organízanse en torno á formación, aos parques empresariais e arredor da crise. No primeiro caso, as propostas céntranse na elaboración dun mapa de recursos formativos do territorio para potenciar a educación e a formación dos traballadores; e na realización dun estudo das necesidades formativas do territorio, para axeitar a oferta educativa ás necesidades laborais da Costa da Morte. No caso do tecido empresarial, a proposta implica efectuar un estudo da mobilidade en parques empresariais para acadar un menor consumo de recursos e enerxía.

Por último, as medidas relacionadas directamente coa crise consistirían en elaborar un estudo sobre o impacto da situación económica no sector comercial e emprender unha liña de actuacións; e por último organizar unha mesa redonda sobre os problemas de financiamento cos que se enfrontan as empresas de Carballo e a súa área de influencia. Nos próximos días o Observatorio Socioeconómico determinará qué accións se levarán a cabo, neste caso supervisadas por unha nova responsable da Antena Cameral: Ana Vanesa Recarei Amado.

Compartir: