Inicio Carballo ao día Hemeroteca Panxea enche Carballo de música, cine,...

III EDICIÓN DA FEIRA DA SOLIDARIDADE E A DIVERSIDADE

Panxea enche Carballo de música, cine, obradoiros e multiculturalidade o 9 e o 10 de abril

Mércores 8 de abril do 2009

Ademais da Casa da Xuventude, onde hai un Ciclo de cine árabe entre o 6 e o 17 de abril, os dous puntos neurálxicos do festival son a Praza do Concello e o Parque do San Martiño. Na praza está previsto concentrar especialmente as actividades relacionadas coa música e os máis pequenos. Así, a charanga Foula anima o xoves 9 o mercado semanal, mentres que ás 17.30 horas está previsto que os máis cativos poidan desfrutar cunha Ciclobiblioteca, na que se fomenta a imaxinación e os hábitos de lectura. O Venres, tamén ás 17.30, a praza acolle un Obradoiro de percusión a cargo do grupo Tangó Project, no que os participantes poden levar dende tambores ata latas ou potas, en definitiva, calquera obxecto que faga ruído.

O parque do San Martiño, en cambio, acolle a Feira multicultural, na que múltiples casetas serán o espazo no que representantes de diferentes países dean a coñecer diferentes aspectos da súa cultura -este ano con especial presenza dos países latinos. A feira estará aberta o venres 10 durante todo o día. No San Martiño tamén se celebra unha cita gastronómica rescatada da primeira edición de Panxea. O venres a partir das 19.00 horas hai unha chocolatada popular, na que, ademais, se degustará pastelería da zona. Por último, o prato forte do festival é o concerto pola diversidade, o venres ás 21.00 horas coas actuación de María Manuela (de Ferrolterra), de Tangó Project (de Uruguai) e de Chámalle Xis, (da Coruña).

O obxectivo deste programa de actividades, ademais de defender a multiculturalidade e facer pasar un bo rato aos veciños e veciñas, tamén é o de promocionar a vila carballesa durante a Semana Santa. Os interesados e interesadas poden consultar o programa de actividades e unha guía sobre os diferentes escenarios de Panxea na marxe superior dereita desta nova.

Compartir: