Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo achega o baile contemporáneo aos...

CONCELLARÍA DE CULTURA

Carballo achega o baile contemporáneo aos veciños e veciñas co programa Primavera EnDanza

Xoves 16 de abril do 2009

O auditorio do Pazo da Cultura acolle a meirande parte das actividades, con actuacións ás 21.00 horas e con novas incorporacións ao programa 'En familia', co Ballet de Carmen Roche e Nats Nus Danza, neste caso ás 18.30 horas. A compañía de Carmen Roche representa 'El patito feo' co reclamo da presenza de artistas dun popular concurso televisivo de baile e do bailarín e coreógrafo Víctor Ullate Roche. Nats Nus Danza vén de Cataluña para traer o espectáculo 'Momentari'. Entre as compañías galegas, o programa conta coas actuacións de Entremáns, Bstudio Danza e o Centro Coreográfico Galego, con 'Concerto Desconcerto', 'Sono silente' e 'Giseliña', respectivamente. Precisamente Entremáns ofreceu un pequeno aperitivo da súa actuación durante a presentación do programa de Primavera EnDanza (na imaxe), nun exercicio de coordinación corporal e sonora moi atractivo.

En canto ás actividades paralelas, a danza invadirá as rúas, colexios e locais de Carballo. Así, tanto Entremáns como Bstudio realizarán presentacións na rúa dos seus espectáculos, implicando aos veciños e veciñas. Tamén haberá unha mostra de Videodanza coa proxección de sete curtametraxes co tema 'Bailando baixo a cámara'. Os espectadores poden coñecer de primeira man a creación dun espectáculo de danza grazas aos encontros das compañías cos espectadores ao remate de cada representación e os obradoiros para cativos e cativas e o público en xeral estarán no Pazo da Cultura, nos centros educativos e nas asociacións culturais de Carballo.

O Concello de Carballo quere agradecer a colaboración da Axencia Audiovisual Galega, de Cinemas Dixitais e de a Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) no programa. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, animou a tódolos veciños e veciñas a participar neste programa que quere ofrecer unha visión da danza "como un elemento substancial da expresión artística", neste caso con ofertas para tódolos públicos. Os interesados e interesadas poden examinar o programa completo na marxe superior dereita desta páxina. Para máis información sobre a venda de entradas, premer aquí.

Compartir: