Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian os traballos dos proxectos...

TRECE ACTUACIÓNS E 205 POSTOS DE TRABALLO

Principian os traballos dos proxectos incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local por un importe de 5,3 millóns de euros

Martes 28 de abril do 2009

Entre os 13 proxectos do Fondo Estatal, está xa en marcha o relativo á creación dun centro social en Imende por 185.167 euros, así como as obras na glorieta da Milagrosa, cun orzamento de 178.878 euros. A máis cuantiosa das actuacións -con 993.078 euros- é a reforma integral da piscina Vila de Noia, que ten 22 anos de vida, leva contabilizados máis dun millón de usos e ten 70.000 usuarios cada ano. O obxectivo é convertela nun espazo complementario que teña un spa e poida acoller a veciños e veciñas que non vaian unicamente a practicar natación.

Tamén hai que subliñar a creación dunha rede de saneamento e unha depuradora en Artes, por 727,913 euros; a urbanización da Vila de Negreira ata o cruce coa rúa Gravador Manuel Facal, por 609.049 ou o acondicionamento do parque de Rego da Balsa na rúa Perú por 507.920 euros. Completan a relación a transformación da rúa Desiderio Varela nunha vía peonil ata o cruce coa rúa Colón por 218.222 euros; a urbanización e dotación de servizos das rúas Lagoa, San José, Oleiros e Carpinteiros por 473.072 euros; a urbanización e dotación de servizos na rúa Muíño ata o cruce coa Alfredo Brañas por 365.589 e das rúas Saúde, Victoria e Cinceiro por 227.710 euros; a mellora da travesía de Fondal á Igrexa de Bértoa e da travesía da Brea por 307.585 e 285.185 euros respectivamente; e a creación dun centro social en Oza por 245.695 euros.

As actuación deberán estar finalizadas antes de que remate o ano 2009 e cada unha será responsabilidade dun membro do Goberno local: o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, farase cargo da reforma da piscina Vila de Noia; o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, da creación dunha rede de saneamento e depuradora en Arte, da rotonda da Milagrosa e da mellora da Vila de Negreira; o Alcalde, Evencio Ferrero, da creación dos centros sociais de Oza e Imende, e do parque e Rego da Balsa; e o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, de tódolos demais proxectos.

Compartir: