Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello participa nun proxecto da Rede Europea...

REDE XIANA

O Concello participa nun proxecto da Rede Europea de Formación e acceso ao mercado laboral

Mércores 29 de abril do 2009

Así, na vila desenvolverase un Curso de Atención Sociosanitaria no Domicilio, que contará con 15 alumnos ou alumnas desempregados pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego e que terá lugar no Pazo da Cultura (na imaxe). As persoas beneficiarias desta formación deben estar en situación de desemprego, inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego, ter cumpridos os 18 anos, estar empadroadas nalgún dos concellos da comarca de Bergantiños, e, no caso de persoas emigrantes retornadas o inmigrantes, deben acreditar que están no noso país en situación de regularidade. Os interesados e interesadas en participar no cursiño poden anotarse no Centro Municipal de Formación, situado na Avenida da Cristina da capital municipal. O prazo de inscrición é dende o 4 de maio ata o 22 de maio (ámbolos dous inclusive). Para máis información, está o teléfono 981 755 211.

A Rede Xiana ten como obxectivo xeral a dinamización da base económica do medio rural, fomentando a aparición de actividades profesionais competitivas e multifuncionais (novos xacementos de emprego); mellorar o nivel dos servizos de proximidade da poboación rural ou garantir a igualdade de oportunidades, especialmente para as persoas de maior vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. Así mesmo, a Rede Xiana pretende executar accións locais que permitan establecer sinerxías entre as distintas administracións para crear políticas co obxectivo de crear emprego.

Compartir: