Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera EnDanza pecha o seu programa co...

TRES APOSTAS DISTINTAS DURANTE A FIN DE SEMANA

Primavera EnDanza pecha o seu programa co espectáculo ‘Giseliña’ do Centro Coreográfico Galego

Mércores 29 de abril do 2009

BStudio Danza recolle a proposta da coreógrafa Dolores Mayán, que recorre ao suxerinte cine mudo dos anos 20 e 30, e a un dos seus referentes, Louis Brooks, para abordar o rol das mulleres, tratar os estereotipos que rodean á feminidade e cuestionar o sentido da muller, ben sexa como figura dentro da pantalla, ben como creadora fóra dela. Un espectáculo moi plástico e poético que acada a súa expresividade a través da forza da imaxe. Con esta proposta, esta compañía santiaguesa continúa co desenvolvemento dunha linguaxe de "corpos reflexivos" para expresar emocións e sentimentos. A cita é o xoves ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, e a representación dura 50 minutos.

O Venres o ciclo En Familia conta coa presenza da compañía catalana Nats Nus Dansa -con máis de 20 anos de traxectoria-, co espectáculo ‘Momentari’. Conta a historia de Tari, un coleccionista que ensina o especial catálogo que foi creando ao longo dos anos, dedicando moito tempo a observar, sentir e descubrir onde se agacha a verdadeira felicidade. Tari fará unha viaxe por un cubo de seis caras cheo de cores, sons, imaxes, momentos.... Unha viaxe para reencontrarse coa marabilla de estar vivo. Trátase dunha aposta de danza contemporánea dirixida a nenos e nenas, que sorprende pola súa sensibilidade. A cita é a partires das 18.30 horas no Pazo da Cultura, e a representación dura 55 minutos.

Por último, o Centro Coreográfico Galego encárgase o domingo de pechar Primavera EnDanza 2009. O coreógrafo catalán afincado en Suíza, Cisco Aznar, adapta o argumento do ballet clásico ‘Giselle’, emblema da danza romántica. A protagonista trasládase do bosque ao mar, creando un universo baseado en imaxes oníricas que forman parte do imaxinario galego, como o cemiterio ou as meigas. Os desexos insatisfeitos e o inconformismo desencadean a loita dos espíritos por acadar o que non se lles concedeu, e Giseliña acabará descansando co seu amor. O Centro Coreográfico galego, compañía institucional da Xunta de Galicia, invitou a un coreógrafo internacional para mesturar danza e recursos audiovisuais. A cita é o domingo 3 de maio ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, e a representación dura 75 minutos.

Compartir: