Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo equipa os seus corpos de seguridade con...

NOVAS TECNOLOXÍAS

Carballo equipa os seus corpos de seguridade con tecnoloxía dixital de última xeración

Martes 5 de maio do 2009

O Concello de Carballo vén de asinar un convenio coa empresa Democom para recibir os seus servizos: voz, datos para enviar mensaxería curta, posicionamento on-line e servizo de mantemento de 24 horas ao día por un período inicial dun ano en réxime de aluguer. O sistema inclúe a posibilidade de observar a través do GPS a posición de cada unidade, comprobar o tempo de resposta dos axentes ante unha emerxencia ou comprobar a eficacia da vixilancia nas rúas. O sistema conta así mesmo cunha unidade móbil de xestión de emerxencias; un vehículo pesado equipado con alta tecnoloxía e que pode aloxar o traballo dun equipo de dez persoas que permite coordinar traballos de emerxencia dende calquera punto do municipio.

Carballo é o segundo concello da provincia, despois de Oleiros, en contar con este servizo pioneiro, e o terceiro de Galicia con Vilagarcía. Segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, o novo sistema permitirá "non só incrementar a seguridade, senón optimizar os recursos municipais", ademais de incorporar a tecnoloxía máis avanzada. Polo momento o servizo está operativo só en Carballo, pero está aberta unha colaboración para que nun futuro -e sempre que outros concellos incorporen este sistema- se puidesen coordinar as comunicacións con outros corpos de policía da comarca a través dun canal único e privado. O obxectivo e seguir mellorando en seguridade, con estas medidas ou co reforzo da plantilla da Policía Local, que en 2009 contará con novos oficiais e 4 auxiliares para incrementar o servizo no verán.

Compartir: