Inicio Carballo ao día Hemeroteca Mil escolares dos centros de ensino de Carballo...

PROGRAMA DAS LETRAS

Mil escolares dos centros de ensino de Carballo participarán na IV Semana do Libro e a Lectura

Mércores 20 de maio do 2009

O programa de actividades, que remata o 29 de maio, céntrase nun eixo principal, o amor, e en catro eixos de actividades: os obradoiros infantís, as actividades para o profesorado, as sesións de contacontos e as exposicións permanentes. No primeiro caso, trátase de talleres concertados cos centros de ensino que abordan temas como a danza, as ilustracións ou a oralidade. As profesoras e profesores que o desexen tamén recibirán durante toda a semana claves para a dinamización da lectura a través de distintos obradoiros. O Pazo da Cultura acolle cinco sesións de contacontos de luns a venres ás 18.30 horas, con numerosos invitados e temáticas. E por último haberá na segunda planta do Pazo varias exposición permanentes, tanto de ilustradores como de material elaborado polos propios alumnos e alumnas.

Por último, non hai que esquecer os actos programados para a inauguración e a clausura desta IV Semana do Libro e a Lectura. O domingo 24 de maio, a partires das 12.30 horas o Mago Martín Camiña ofrecerá o espectáculo 'Que hai máis máxico que o amor?'. Poren, haberá así mesmo colaboración dos rapaces e rapazas, cunha regueifa interpretada polos alumnos do CEIP Bergantiños e unha peza musical dos do IES Parga Pondal. A clausura é o venres 29 de maio ás 21.00 horas cun espectáculo poético de Yolanda Castaño, e coa entrega do V Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, ao que este ano se teñen presentado 45 artigos. O Pazo da Cultura centraliza todas as actividades desta Semana do Libro que o Alcalde, Evencio Ferrero, espera que sirva "para fomentar a amizade, o amor e a solidariedade entre a xente" e na que convida a participar a todos os carballeses e carballesas.

Compartir: