Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dun Plan...

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros

Venres 22 de maio do 2009

A orde do día tamén inclúe a suspensión de licenzas en diversos ámbitos afectados pola revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Trátase dunha zona do Campo da Feira da Milagrosa, na parte posterior do recinto do complexo Fórum Carballo; dun ámbito na área da Revolta, nas proximidades do río; dunha zona da parroquia de Bértoa, nun vial entre o río e a Igrexa; e por último, dunha área urbana na rúa Rosalía de Castro, que se prolongará para darlle continuidade cara a zona da Lagoa. O prazo máximo para a vixencia desta suspensión é de tres anos, aínda que pode acurtarse notablemente en función da aprobación das modificacións previstas.

A corporación abordará así mesmo na sesión -que ten lugar o luns 25 de maio- a modificación da Ordenanza Reguladora de prestación dos servizos do Programa Concilia e dos seus prezos públicos. Trátase dunha serie de cambios para poder aumentar as prestacións do servizo a raíz do aumento da demanda entre os veciños e veciñas. A orde do día inclúe unha declaración institucional con motivo do Día das Letras, na que se recolle o compromiso do Concello coa "promoción e defensa do idioma galego en tódolos ámbitos sociais". Abórdase así mesmo a proposta dun crédito extraordinario con cargo ao remanente líquido de tesourería para o servizo do Centro de Información á Muller (CIM).

Por último, no apartado de mocións, está previsto que a corporación aprobe por unanimidade unha proposta das organizacións agrarias: Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, para apoiar ao sector lácteo galego. O grupo da oposición Terra Galega ten presentado tamén dúas mocións que serán debatidas durante a sesión: unha sobre o mercado municipal e outra sobre a asociación de vendedores ambulantes.

Compartir: