Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aproba por unanimidade a...

SESIÓN PLENARIA

A corporación aproba por unanimidade a suspensión de licenzas en catro áreas urbanas pola revisión do PXOM

Martes 26 de maio do 2009

A sesión tamén serviu para que o goberno sacara adiante un Plan Económico Financeiro -obrigatorio por lei- trala subscrición dun empréstito de 2,5 millóns de euros no orzamento de 2009. A través desta operación de crédito poderán financiarse proxectos como a renovación do mercado municipal ou a construción do centro de dinamización Fórum Carballo, situado na Milagrosa. Así mesmo, afrontaranse outros gastos relacionados con melloras urbanísticas ou a creación de dúas novas Galescolas municipais, entre outras actuacións. Mediante o Plan Económico, o Concello realiza unha estimación de gastos e ingresos para evitar desequilibrios financeiros.

A corporación deu luz verde, así mesmo, á modificación da Ordenanza Reguladora de prestación dos servizos do Programa Concilia e dos seus prezos públicos, proposta para poder aumentar as prestacións do servizo a raíz do aumento da demanda entre os veciños e veciñas. O goberno sacou adiante unha declaración institucional con motivo do Día das Letras, na que se recolle o compromiso do Concello coa "promoción e defensa do idioma galego en tódolos ámbitos sociais". Por último, aprobouse por unanimidade a proposta dun crédito extraordinario con cargo ao remanente líquido de tesourería para contratar a un psicólogo para o Centro de Información á Muller (CIM), así como una moción en defensa do sector leiteiro subscrita por Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.

Compartir: