Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo e Boiro intercambian experiencias sobre...

CENTRO DE FORMACIÓN

Carballo e Boiro intercambian experiencias sobre formación e emprego nunha visita ao Concello

Venres 29 de maio do 2009

Nestes momentos, o Concello de Boiro ten en marcha a construción dun Centro de Formación e dun Viveiro de Empresas, e interesáronse pola marcha destas infraestruturas coas que xa conta o Concello carballés. Hai que lembrar que nestes momentos Carballo ten en marcha unha escola obradoiro para colaborar no desenvolvemento do recinto do complexo Fórum Carballo, no barrio da Milagrosa, e que no pasado, grazas a este tipo de actividades formativas, téñense desenvolvido construcións coma o Pazo da Cultura ou espazos lúdicos coma o Parque do Anllóns. Por outra banda, no Viveiro de Empresas do polígono de Bértoa hai xa dez ideas de negocio en marcha e outras dúas empresas están tramitando o seu ingreso.

A delegación do Concello de Boiro e os responsables do Concello carballés realizaron unha visita polas instalacións do Centro de Formación (na imaxe), ademais de observar as instalacións do Pazo da Cultura ou visitar os traballos que se están a realizar no Fórum Carballo. Neste último caso, houbo especial interese polo número e o tipo de módulos, polo número de alumnos e alumnas ou pola cantidade de persoal implicado no desenvolvemento dun proxecto deste tipo, ademais do orzamento ou a capacitación técnica necesaria.

Compartir: