Inicio Carballo ao día Hemeroteca O compromiso coa lingua galega será...

SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O compromiso coa lingua galega será analizado no curso de verán que terá lugar en xullo en Carballo

Martes 2 de xuño do 2009

Na inauguración, que terá lugar o mércores 15 de xullo ás 10.15 h, participarán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o deputado responsábel de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande; o presidente da CTNL, Nel Vidal; e a directora do SNL da UdC, Goretti Sanmartín. A conferencia inaugural será impartida polo sociolingüista catalán Miquel Strubell i Trueta, da Universitat Oberta de Catalunya. A continuación, o xuíz e coordinador en Galiza de Xuíces para a Democracia, Luís Villares Naveira, falará sobre o estado democrático e a normalización lingüística. Ademais destes, ao longo dos tres días haberá diversos relatorios de diferentes expertos/as en sociolingüística como Pilar Freitas, Iolanda Gomis, Miguel Moreira, Beatriz Vilaverde ou Goretti Sanmartín.

Boa parte das sesións desenvolveranse en grupos de traballo e debate temático, para analizar conxuntamente entre as persoas participantes no curso diversos aspectos sobre o compromiso individual e os argumentos en relación co ensino, co mantemento lingüístico, co xénero, coa irradiación lingüística, coa integración ou co bilingüismo. Durante o curso tamén terá lugar a representación teatral da obra Comedia Bífida, da compañía Bicodobrelo e unha videoconferencia co I Congreso de Servizos Lingüísticos de Territorios de Fala Catalá, que eses mesmos días estará desenvolvéndose en Xirona.

Compartir: