Inicio Carballo ao día Hemeroteca Clubs coma o Barcelona, o Atlético de...

ENTRE O 21 E O 28 DE XUÑO

Clubs coma o Barcelona, o Atlético de Madrid e o Deportivo participan no V Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo

Venres 12 de xuño do 2009

Este ano o torneo tamén está marcado polas homenaxes, sendo un 'Memorial a José Luis Vara Olveira', un dos artífices da competición nos seus inicios, recentemente falecido; pero tamén hai mención para a organización do Arosa Fútbol 7, o torneo máis prestixioso de España, que inspirou ao de Carballo nos seus inicios, e para Milagros Lantes, polo "seu labor de apoio ás escolas" mentres foi delegada da Consellería de Cultura da Xunta, en verbas de Torres Pichel.

O presidente das Escolas Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo, quixo subliñar que se trata dun "cartel moi atractivo" e tamén mencionou as dificultades económicas atopadas este ano para poder sacar adiante o torneo, algo que se logrou, segundo as súas verbas, "en parte porque o Alcalde insistiu en que non debía desaparecer". Precisamente o Alcalde, Evencio Ferrero, resaltou a importancia de que Carballo volva ser a sede desta competición deportiva "cun cadro dunha altísima calidade". "Seguro que dentro duns anos os rapaces que viñeron aquí serán xogadores de primeirísimo nivel", engadiu, reiterando a aposta do Concello de Carballo "polo fomento do deporte de base".

En canto ás datas de celebración, o domingo 21 de xuño dispútase a fase previa, entre as 9.00 e as 17.00 horas, con equipos como o Montañeros, o Arteixo, o Calasanz, o Órdenes, o Laracha o Olímpico o Santa Mariña, e así ata 20 clubs galegos. O venres 26, sábado 27 e domingo 28 de xuño será a fase final, con enfrontamentos tan interesantes como o do Barcelona e o Deportivo ou o Groningen e o Atlético de Madrid. Todo co desexo de que o torneo "faga as delicias de todos os afeccionados ao fútbol", en verbas do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Compartir: