Inicio Carballo ao día Hemeroteca A poboación carballesa aumenta ata superar...

BARÓMETRO MUNICIPAL

A poboación carballesa aumenta ata superar os 31.100 habitantes, e diminúe a súa idade media

Venres 19 de xuño do 2009

Entre as curiosidades da poboación estranxeira, hai que subliñar que baixou notablemente o número de portugueses, motivado máis que probablemente pola crise do sector da construción. Os movementos de poboación tamén indican que está regresando a Carballo moita xente de Canarias que marchara a traballar e que volta como consecuencia da crise. Respecto da situación do municipio respecto dos concellos veciños, Carballo gaña poboación respecto á maioría deles. Entre 2002 e 2008 ata 411 habitantes teñen chegado dende Coristanco, 230 de Malpica ou 86 de Ponteceso.

Hai que resaltar, ademais, o feito de que nos últimos anos ata 192 veciños e veciñas da Coruña teñan elixido Carballo coma o seu lugar de residencia, habendo 119 altas só ao longo de 2008. En canto a datos relacionados coas familias, o barómetro reflicte que as vivendas están ocupadas cada vez máis por unha única persoa, ou por tres, con unidades familiares de solteiros ou de parellas cun só fillo. Por outra banda, en 2008 téñense solicitado con concello un total de 2.139 volantes de residencia.

Por último, o barómetro municipal tamén indica datos de carácter administrativo. Así, o Rexistro Municipal ten tramitado en 2008 un total de 29.611 escritos, 18.190 de entrada e 11.571 de saída, aos que hai que engadir os 6.244 da Xanela única da Xunta. En canto ao tipo de documentos, a maioría son facturas, licenzas e multas. Hai que subliñar que só o departamento de contratación ten tramitado 890 expedientes o ano pasado, a razón de case tres diarios. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resalta que, máis aló das curiosidades, os datos "poñen en evidencia que Carballo segue medrando demograficamente e que o ritmo da actividade municipal é moi intenso".

Compartir: