Inicio Carballo ao día Hemeroteca O cine, o teatro, os libros, a lingua, as...

CONCELLARÍA DE CULTURA

O cine, o teatro, os libros, a lingua, as exposicións e os festivais centran a oferta de actividades do Verán Cultural 2009

Xoves 2 de xullo do 2009

Precisamente os Venres Culturais son os protagonistas, agrupados en torno a 14 xornadas (9 en xullo e 5 en agosto) nas que estará presente a música, a danza, a maxia, ou o teatro. Esta programación inclúe todas as semanas espectáculos para todos os públicos, reforzándose con 5 dirixidos principalmente aos máis novos. O referente destas actuacións será a Praza do Concello ou o Xardín municipal, viaxando excepcionalmente ao Pazo da Cultura. En canto á Praza dos Libros, celébrase a finais de agosto como Feira Literaria de Bergantiños, unha nova cita de catro días na que os libreiros da zona acoden co obxectivo de promocionar o libro, de animar á lectura e de ofertar produtos culturais galegos.

En canto á temática dos espectáculos, hai que subliñar a faciana musical do Verán Cultural, con múltiples actuacións entre as que destacan citas como o Festival Dúas Beiras (este sábado 4 de xullo) ou o Sereas e Piratas. No primeiro caso, trátase dunha mostra de música internacional coa que se pretende irmandar e difundir as tradicións folclóricas de Galicia e Uruguai. No segundo, falamos dunha das citas máis importantes para os amantes da música pop, indie e bizarra. Pero tamén hai vangarda cos galegos Ophiusa e outras moitas propostas. No que se refire á aposta teatral, haberá propostas innovadoras, coa compañía galega Nobicarelo, ou máis clásicas, con representacións de obras de Lope de Vega de man de La Barraca 2009, que une ao clásico con Federico García Lorca. Ademais, haberá unha sección de contacontos para os cativos e cativas.

Non hai que esquecer tampouco a maxia, presente cada ano e que desta volta conta con artistas como Dani García e o Mago Teto; as Noites de Cine, con 26 sesións que se espallan polo casco urbano e por distintas parroquias e que se desenvolverán de luns a xoves; a promoción lingüística co V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua'; ou as exposicións, coa presenza de artistas locais na mostra 'Reflexos de Carballo'-do 3 de xullo ao 10 de agosto- ou da memoria histórica con 'Crónicas da Represión Lingüística'. Un programa no que "a cultura deixa de ser algo denso, xa que pode ser programada ao aire libre e para todas as idades" en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, que manifestou que o Verán Cultural "xa é un bo costume para a xente, que ten as actuacións de cada venres do verán como referencia".

Compartir: