Inicio Carballo ao día Hemeroteca O grupo uruguaio La Tríada e as...

RECEPCIÓN NA ALCALDÍA

O grupo uruguaio La Tríada e as cantareiras de Raigañas, protagonistas do festival Dúas Beiras

Venres 3 de xullo do 2009

La Tríada leva dende o mes de xuño viaxando por diferentes cidades de España (como Cádiz ou Barcelona) e Andorra como embaixadores da cultura con motivo do nomeamento de Montevideo como Capital Iberoamericana do Carnaval, titulo que ostentará durante o bienio 2009-2011. Precisamente por este motivo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu aos tres compoñentes de La Tríada na casa do concello. Despois de mostrarse moi contentos da súa viaxe a terras carballesas, do recibimento e do espazo do Pazo da Cultura onde van actuar, quixeron tocar unhas murgas como aperitivo do que se vai poder escoitar no festival: percusión de calidade feita tan só con platillos, bombo e tambor.

Os artistas de La Tríada suman máis de 34 primeiros premios do Carnaval como mellor batería de murga, ademais de ter colaborado con artistas como Jorge Drexler, Rubén Rada ou a Orquestra Filharmónica de Montevideo. Por parte de Raigañas, é ben coñecido o seu bo facer como un dos grupos máis influentes da zona e cun arduo labor na recollida e preservación das raíces musicais da Costa da Morte. Ambos colaboran no festival, no que incluso avanzan que esperan poder tocar conxuntamente. O Alcalde quixo lembrar durante a recepción a importante conexión entre Carballo e Uruguai, especialmente con Montevideo, e amosou a vontade do Concello de seguir estreitando lazos cos veciños do outro lado do Atlántico.

Compartir: