Inicio Carballo ao día Hemeroteca Razo acolle unha das probas internacionais do...

FIN DE SEMANA DO 11 E 12 DE XULLO

Razo acolle unha das probas internacionais do circuíto de surf Quicksilver King of the Groms, dirixido a menores de 16 anos

Martes 7 de xullo do 2009

As probas terán lugar entre o sábado e o domingo, cando as ondas ofrezan as mellores condicións para desenvolver o campionato. Os xuíces determinarán a zona da praia na que se efectuarán as probas ao tempo que na sede de Raz Surfcamp se establecerá a base do evento. Así mesmo, ademais da competición deportiva, está previsto o desenvolvemento de actividades paralelas. Raz Surfcamp, Quicksilver e o Concello de Carballo, organizadores desta cita, teñen programado un pase exclusivo da película 'Cloud 9', protagonizada polo popular surfer Kelly Slater. Ao remate, a noite estará amenizada cunha degustación de carne á grella para todos os participantes, e para o público en xeral que queira asistir á cita.

Alejandro Vázquez, responsable de Raz Surfcamp, quixo subliñar que está previsto bo tempo para esta fin de semana, o que unido ás ondas pode proporcionar un grande espectáculo. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, resalta a vontade deste torneo de "promocionar a base do surf" así como os novos valores da zona. Por último, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu que actividades como o deporte do surf "sexan un valor engadido para o espazo litoral de Razo e Baldaio", desexando que o areal "vaia cubrindo espazos para a alta competición". Para rematar subliñou que Carballo "estase a converter nun referente en todo tipo de competicións deportivas" e espera que esto sexa un atractivo máis para que "as familias que nos veñen visitar decidan volver".

Compartir: